Obradoiros de Disciplina Positiva

Bo día familias!

Achegamos unha información que creemos que pode ser do voso interés para compartir con todas as familias sobre uns obradoiros de Disciplina Positiva que organizan dende os Servizos Sociais do Concello de Oleiros, unha metodoloxía novedosa e eficaz de apoio ás familias para a crianza dos nenos e nenas.

Estes obradoiros tiveron unha moi boa acollida nas edicións do ano pasado, con mais demanda da que podemos ofertar e cun alto grado de satisfacción por parte das persoas participantes, de aí que repitamos a experiencia.

As inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites on linea partir das 10:00 h do luns 24 de setembro e ata o xoves 27 de setembro ás 23:00 h.

As prazas adxudicaranse por orde de inscrición. O número de prazas por obradoiro é de 20 persoas.

 Cada un dos obradoiro terá unha duración de 16 horas, en 8 sesións de 2 horas cada unha. Serán en horario de tarde, ao longo do mes de outubro e desenvolveranse na Casa de Cultura de Perillo os seguintes días:

 –        Obradoiro 1 (familias con menores de 0-6 anos de idade): luns e mércores, 1, 3, 8, 10, 15, 17, 22 e 24 de outubro.

 –        Obradoiro 2 (familias con menores de 7-12 anos de idade): martes e xoves, 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23 e 25 de outubro.

Estes obradoiros están baseados nos principios da Disciplina Positiva, que desterran os métodos de condicionamento da conduta (castigos e premios) e dan as claves  para ensinar ás nenas e aos nenos a desenvolver as súas propias habilidades en base ás súas decisións, guiadas/os sempre pola supervisión da persoa adulta. Trátase de que pensen por si mesmos e axudalos a ir construíndo o seu propio criterio, favorecendo a convivencia e creando un clima agradable e de confianza na familia.

A metodoloxía proposta para estes obradoiros é vivencial, participativa e divertida, con dinámicas nas que aprender sexa algo divertido e constructivo, e nos que, sesión tras sesión, as familias poidan recoñecer os avances acadados coa aplicación dos coñecementos adquiridos.

Estes obradoiros queren contribuir e apoiar ás familias na crianza e educación dos seus fillos e fillas, contribuindo a un correcto desenvolvemento emocional, dotándoas de ferramentas e habilidades para esa importante tarefa.