Día de loito pola precariedade da escola pública

20N Día de loito nos colexios de Oleiros

Coincidindo co Día Mundial da Infancia o 20 de novembro, tódalas ANPAS de tódolos colexios do municipio convocan, xunto co Concello de Oleiros, concentracións coordinadas á mesma hora, ás 8:40 da mañá, diante de cada centro.

Vestiremos de negro e gardaremos uns minutos de silencio para simbolizar o grave desamparo que estamos a sufrir nas escolas por parte da Xunta de Galicia e o fin do ensino público de calidade.

A falta de profesorado PT e AL, a falta de mestres titores e de reforzo nas aulas ou a eliminación de proxectos de enorme interese educativo, cultural e comunitario, están a provocar unha enorme precariedade nas nosas escolas.

Este curso os recortes máis graves e evidentes das plantillas docentes por parte da Consellería teñen lugar no CEIP Valle Inclán e no CEIP Juana de Vega, pero poderían ter sido, ou serán no futuro, en calquera outro colexio do municipio.

Ante esta situación, as familias, o profesorado e o Concello de Oleiros nos unimos e participamos activamente nestas concentracións para xuntar forzas e esixir que se deixen de vulnerar os nosos dereitos por parte da administración autonómica e loitar por unha escola pública de calidade.

Convidamos a toda a veciñanza a que se una e participe tamén.

Pregamos que se faga difusión da convocatoria para que participe o maior número de persoas. Achegamos cartel da iniciativa.

Non estamos a defender só un colexio: estamos a loitar polo futuro dos nosos nenos e nenas.

ANPAS dos CEIP de Oleiros

Entidades participantes:

ANPA Valle Inclán (concentración diante do CEIP Ramón María del Valle Inclán, Perillo)

AFA Nós (concentración diante do CEIP Juan de Vega, Nós)

ANPA CEIP Luis Seoane (concentración diante do CEIP Luis Seoane, Mera)

ANPA Ensino CEIP Rabadeira (concentración diante do CEIP Rabadeira, Oleiros)

ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal (concentración diante do CEIP Isidro Parga Pondal, Sta. Cruz)

CEIP Juana de Vega (concentración de mestres e alumnado durante o horario lectivo no colexio)

Concello de Oleiros